COMO RECUPERAR O IVE DAS FACTURAS IMPAGADAS.

19 May COMO RECUPERAR O IVE DAS FACTURAS IMPAGADAS.

Na actualidade non é pouco frecuente que profesionais autónomos e empresas busquen asesoramento en relación ás facturas emitidas e impagadas e polas que, no seu momento, tiveron que abonar ás arcas públicas o correspondente importe de IVE. Para aqueles casos nos que non se consegue o cobro das facturas pola situación de iliquidez do cliente moroso, existe un proceso para recuperar o IVE mediante a emisión de facturas rectificativas, con modificación da base impoñible, cuxos requisitos e prazos son distintos segundo se trate dun ou doutro dos seguintes supostos:

  • Caso de que o debedor sexa declarado en concurso de acredores: a factura rectificativa deberá realizarse no prazo de un mes dende a data de publicación no BOE do Auto de declaración de concurso da empresa debedora.
  • Caso de créditos incobrables (son aqueles nos que é requisito necesario haber interposto reclamación xudicial contra o moroso ou dirixir fronte ó mesmo requirimento notarial e non conseguir o cobro da débeda): neste caso é preciso que haxa transcorrido o prazo de un ano dende a emisión da factura impagada (prazo que no caso das Pemes será de seis meses) e a emisión da factura rectificativa deberá efectuarse no prazo dos tres meses seguintes á finalización do referido prazo de un ano dende o devengo do IVE (ou seis meses para as Pemes). No caso de operacións ás que sexa de aplicación o réxime especial do “criterio de caixa”, o prazo de tres meses para a emisión da factura rectificativa computarase a partir da data límite do 31 de decembro do ano inmediato posterior a aquel no que se houbese realizado a operación.

En ámbolos dous casos a factura rectificativa deberá ser remitida ó profesional ou empresa debedora por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. E tamén deberá comunicarse a modificación da base impoñible á Delegación ou Administración da AEAT corresponde ó domicilio fiscal no prazo de un mes dende a data de expedición da factura rectificativa.

O proceso de recuperación do IVE é certamente un trámite que non se atopa exento de burocracia, ademais de contar cuns prazos que gozan de máis ben pouca flexibilidade. A cuestión dos prazos é fundamental, pois unha vez transcorridos os mesmos sen a emisión da correspondente factura rectificativa xa non poderemos acollernos ó proceso de devolución do IVE.

E pode acontecer que con posterioridade se consiga o cobro total ou parcial da factura inicial, circunstancia que de chegar a producirse non obrigaría a modificar de novo a base impoñible á alza  nin conleva á devolución do IVE recuperado. Só se procederá a ingresar o IVE recuperado no caso de que o acredor desista da reclamación xudicial ou do requirimento notarial, ou que con posterioridade se alcance un acordo co debedor en canto ó pago ou se produza unha renovación da débeda.

Por último, convén ter en conta que naqueles casos nos que se faga preciso acudir á vía xudicial existe un procedemento específico para a reclamación de facturas impagadas, o chamado proceso monitorio, que se caracteriza por un escaso formalismo e unha tramitación máis áxil. Non obstante, este non é o único procedemento posible; en Airado Bello Avogadas estudamos cada caso de xeito individualizado a fin de elixir o procedemento máis efectivo segundo as circunstancias.

No Comments

Post A Comment

Centro de preferencias de privacidad

Cookies imprescindibles

Se usan para almacenar tus preferencias de privacidad.

gdpr

Cookies de terceros

Usamos cookies de terceros en las que se almacenan externamente para conocer tus usos de navegación.

_ga, _gat, _gid
_ga, _gat, _gid