
18 Abr INFRACCIÓNS E SANCIÓNS EN MATERIA DE TRÁFICO EN RELACIÓN ÓS USUARIOS DE BICICLETAS.
Nos últimos anos aumentou de forma considerable o uso da bicicleta, xa sexa como motivo de ocio, de actividade física ou como medio de transporte menos custoso. E malia que, á hora de compartir espazo en vías públicas co resto de vehículos motorizados, a bicicleta aínda parece ser invisible para estes, o certo é que na nosa lexislación é considerada un auténtico vehículo.
Tal é así que a actual normativa en materia de tráfico tipifica como infraccións diversas condutas por parte dos usuarios de bicicletas, as cales levan aparelladas as súas correspondentes sancións:
▪ Non facer uso do alumeado regulamentario: multa de ata 100 euros.
▪ Non facer uso dos elementos e prendas reflectintes: multa de ata 100 euros.
▪ Se o ciclista circula por unha vía transitada por peóns e non garda unha distancia mínima de un metro respecto ós mesmos: multa de ata 100 euros.
▪ Superar os límites de velocidade fixados para cada vía e, en todo caso, superar os 45 km/h, que é a velocidade máxima á que poden circular as bicicletas (excepto naqueles tramos nos que as circunstancias da vía permitan unha velocidade maior): multa que pode ir de 100 a 600 euros.
▪ Non respectar as sinales verticais, semáforos, marcas viais e pasos de peóns: multa de 200 euros.
▪ Circular utilizando auriculares ou cascos de audio: multa de 200 euros.
▪ Circular utilizando o teléfono móbil: multa de 200 euros.
▪ Circular sen casco en vías interurbanas (ou os menores de 16 anos en todo caso): multa de 200 euros.
▪ Circular de xeito temerario: multa de 500 euros.
▪ Circular cunha taxa de alcohol superior á permitida ou baixo os efectos de substancias psicotrópicas: multa de 500 euros, que pode chegar a 1.000 euros no caso de duplicar a taxa máxima permitida ou no caso de xa haber sido sancionado no último ano pola mesma infracción. A taxa máxima de alcohol permitida é de 0,5g/l en sangue.
▪ Incumprir a obriga de deterse e someterse ás probas para a detección de alcohol ou a presenza de drogas no organismo: multa de 1.000 euros.
E ó igual que para os demais usuarios de vehículos, as sancións que se deixan descritas tamén quedarán reducidas ó 50% no caso de que se proceda ó seu pago no prazo de vinte días naturais dende o día seguinte ó da notificación da infracción.
No Comments