01 Mar PÓDESE PUBLICAR A LISTA DOS VECIÑOS MOROSOS NO TABOLEIRO DE ANUNCIOS DA COMUNIDADE DE PROPIETARIOS?
A Lei de Propiedade Horizontal establece que na convocatoria da Xunta de veciños se conteña unha relación dos veciños que non se atopen ó corrente no pago das cotas comunitarias vencidas. A lei prevé que estes veciños morosos teñan voz e podan ser oídos na Xunta, sen embargo prívalles do dereito de voto. De aí a importancia de que se contemple expresamente na convocatoria.
Na práctica, é habitual que as convocatorias das Xuntas de veciños se expoñan nun lugar público da Comunidade de Propietarios, como pode ser o portal e entrada, a zona de ascensores, ou ben nun taboleiro instalado a tal efecto. Nestes casos a problemática xorde cando na referida convocatoria se conteñen datos de carácter persoal como poden ser os datos do veciño moroso e as contías adebedadas, posto que tal publicación supón unha cesión de datos nos termos da Lei de Protección de Datos e que, polo tanto, se debe levar a cabo cunha serie de garantías e cautelas ou, do contrario, determinará a comisión dunha infracción sancionable con multa económica.
Cando a convocatoria dunha Xunta conteña datos de algún veciño moroso deberase notificar a mesma de xeito individual a cada veciño, ben persoalmente, ben por correo postal, por correo electrónico ou a medio de intranet con clave e contrasinal; é dicir, a través de calquera medio que impida o acceso a terceiras persoas que non formen parte da Comunidade de Propietarios.
Existe un único suposto no que é lícito publicar a convocatoria nun lugar público da Comunidade: cando intentada a notificación ó veciño a través dos medios anteriores esta non fose posible levala a cabo. Neste caso, atopándose debidamente xustificados os intentos de notificación sen éxito, a publicación estará amparada pola Lei de Protección de Datos.
Cada vez son máis as Comunidades de Propietarios que acordan a colocación dun taboleiro a fin de levar a cabo tales notificacións. O ideal sería que o mesmo se situase nunha zona de acceso restrinxido a terceiros, e, en todo caso, cerrado e con chave, debendo ser custodiado polo Presidente da Comunidade, o Administrador da finca ou persoa designada a tal efecto na Xunta correspondente.
No Comments