13 Sep DE HERDEIROS FORZOSOS E DESHEREDACIÓN NO DEREITO GALEGO.
Á hora de facer unha planificación da herdanza convén ter en conta que o noso ordenamento xurídico reserva unha parte da herdanza para os chamados “herdeiros forzosos”, que en Galicia son os fillos, en defecto destes os descendentes, así como o cónxuxe viúvo.
Ademais, a Lei cuantifica o valor mínimo que estes herdeiros forzosos teñen dereito a percibir da masa hereditaria: así, os fillos ou descendentes non poden percibir da herdanza menos dunha cuarta parte do valor desta, cuarta parte que se divide entre todos os fillos ou descendentes, e o cónxuxe ten dereito a percibir, como mínimo, o usufruto dunha cuarta parte da herdanza se concorre con fillos ou descendentes, ou o usufruto da metade da herdanza nos restantes casos.
En consecuencia, o principio xeral é que o testador non pode privar desa mínima parte da herdanza aos herdeiros forzosos. Non obstante, o ordenamento xurídico contempla, como contrapartida, a posibilidade de desherdar aos herdeiros forzosos regulando unhas causas moi concretas a tal efecto, que son as seguintes:
– Que o herdeiro fose condenado xudicialmente por haber atentado contra a vida do testador, do seu cónxuxe, descendentes ou ascendentes;
– Que o herdeiro acusase ao testador dun delito, cando tal acusación fose declarada calumniosa;
– Que o herdeiro obrigase ao testador, con ameaza, fraude ou violencia, a outorgar testamento, ou lle impedise do mesmo xeito outorgar ou revocar testamento;
– Que o fillo ou descendente herdeiro negase alimentos, sen xusta causa, ao testador;
– Que o fillo ou descendente herdeiro maltratase de obra ou inxuriase gravemente de palabra ao testador;
– Que o cónxuxe herdeiro incumprise os deberes conxugais de xeito grave ou
reiterado;
– Que o cónxuxe herdeiro incorrese en causas de perda da patria potestade respecto dos fillos comúns;
– Que o cónxuxe herdeiro negase alimentos aos fillos ou ao testador;
– Que o cónxuxe herdeiro atentase contra a vida do cónxuxe testador, sempre e cando non medie reconciliación.
É especialmente importante ter en conta que para que un herdeiro forzoso sexa desherdado ten que constar no testamento esa decisión así como a causa concreta na que se fundamenta e a súa proba. Pola súa banda, o herdeiro ao que se pretende desherdar pode impugnar negando a realidade da causa, dirimíndose a controversia no correspondente procedemento xudicial.
A desheredación con xusta causa determina que o herdeiro desherdado perde os seus dereitos na herdanza, quedando expulsado desta.
No Comments