
09 Jun IMPAGO DA PENSIÓN ALIMENTICIA FIXADA POR SENTENZA XUDICIAL A FAVOR DOS FILLOS. PROCEDEMENTO PARA SOLICITAR Ó FONDO DE GARANTÍA DE PAGO DE ALIMENTOS O ABONO ANTICIPADO.
O Fondo de Garantía de Pago de Alimentos é descoñecido para moitos dos proxenitores que ostentan a garda e custodia dos fillos menores, pero o certo é que foi creado no ano 2006 pola Lei 42/2006, de 28 de decembro. Trátase dun Fondo público, a través do cal o Estado garante ós fillos menores de idade, e ós maiores cunha discapacidade de alomenos un 65%, o pago dos alimentos recoñecidos en virtude dunha resolución xudicial ou convenio regulador xudicialmente aprobado, ditados por un tribunal español, naqueles casos nos que a pensión alimenticia resulte impagada por parte do proxenitor obrigado ó pago.
A contía que asume o Fondo de Garantía de Pago de Alimentos é de 100 euros mensuais por cada beneficiario, salvo que a resolución xudicial fixe unha contía mensual inferior; neste caso o Fondo aboará o importe fixado pola resolución xudicial. O prazo máximo durante o que o Fondo garante o abono da contía é de 18 meses, que pode ser de forma continuada ou non. E os efectos económicos prodúcense dende o primeiro día do mes seguinte ó da solicitude.
A solicitude de anticipo ó Fondo de Garantía de Pago de Alimentos deberá ser realizada por quen ten a garda e custodia do menor, se se tratase dun maior de idade discapacitado será el mesmo o que formalice a solicitude, e no caso dun incapaz o lexitimado será o titor.
Para ter dereito a estes anticipos, os recursos económicos da unidade familiar na que se integra o menor non poderán superar o límite de ingresos que resulte de multiplicar a contía anual do Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM), vixente no momento da solicitude, polo coeficiente que corresponda en función do número de fillos menores que integran a unidade familiar. Ese coeficiente será de 1,5 se só houbera un fillo e, incrementarase en 0,25 por cada fillo a maiores, da seguinte forma:
- 1 fillo: 1,5 x IPREM
- 2 fillos: 1,75 x IPREM
- 3 fillos: 2 x IPREM
- 4 fillos: 2,25 x IPREM (e así sucesivamente).
Durante o ano 2016 o valor anual do IPREM é de 6.390,13 euros.
O Estado, ó aboar estes anticipos, subrógase nos dereitos que corresponden ó beneficiario fronte ó obrigado ó pago dos alimentos, polo importe total das cantidades que satisfaga o Fondo.
Para a tramitación da solicitude é preciso haber istado o procedemento xudicial de execución pola contía da pensión alimenticia pendente de pago e que, no seno dese procedemento, non se conseguise o cobro da mesma. Tal é así que, entre a documentación a achegar xunto coa solicitude, deberá presentarse o testemuño xudicial que certifique que se presentou execución da resolución que recoñeceu a pensión alimenticia e certificación expedida polo Letrado da Administración de Xustiza que acredite o resultado infrutuoso da execución.
No Comments