18 Mar ¿QUE DEBEN SABER OS TRABALLADORES E AS TRABALLADORAS SE A EMPRESA APLICA UN ERTE?
Tralo estado de alarma decretado polo Goberno o pasado venres e trala publicación do Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19, son moitas as empresas que están tramitando a figura do ERTE, Expediente de Regulación Temporal de Emprego. Trátase dunha medida que poden solicitar as empresas nas que concorran causas de forza maior, ou causas económicas, técnicas, organizativas e de produción, relacionadas co COVID-19.
¿Como afecta aos traballadores?
Cando se trata dunha suspensión do contrato de traballo, a obriga de prestación de servizos do traballador e de pago do salario do empresario suspéndese. Dende ese momento, o traballador deixa de percibir a súa nómina e, aínda que non cumpra os requisitos de acceso á prestación por desemprego -ter un período mínimo de cotización de 360 días- pode cobrar o paro igual. Ademais, o tempo de desemprego mentres dura esta crise non computará no tempo de paro consumido, o que se coñece como “contador a cero”.
Cando se trata dunha redución da xornada de traballo, no momento en que sexa efectiva, o traballador cobrará a súa nómina de xeito proporcional ás horas traballadas e, polas horas non traballadas, percibirá a prestación por desemprego.
¿Cales serán as consecuencias?
Os traballadores seguirán dados de alta na Seguridade Social posto que a relación laboral coa empresa non finaliza, senón que queda suspendida. Deste xeito, o traballador continúa vinculado á empresa e, no momento en que finalice a situación de excepcionalidade, ten a obriga e o dereito de reincorporarse á empresa nas mesmas condicións que antes tiña.
¿Canto se cobra no desemprego?
O traballador que vexa suspendido o seu contrato de traballo pola aplicación do ERTE, percibirá a prestación de desemprego. A contía é do 70% da base reguladora, que se calculará segundo o promedio das bases de cotización á Seguridade Social durante os 180 días anteriores. A partir do día 181 de suspensión do contrato de traballo, percibirase o 50% da base reguladora.
Ao importe bruto da prestación, aplicaranse dous tipos de deducións:
– A cotización á Seguridade Social (parte do traballador), que é do 4,7%.
– A retención a conta do IRPF, cando proceda.
Existen unas contías mínimas e máximas legalmente establecidas, que varían se o traballador ten ou non fillos ou fillas a cargo (menores de 26 anos ou maiores con discapacidade ou persoas menores acollidas, que convivan co traballador e non teñan rendas mensuais superiores ao Salario Mínimo Interprofesional).
As contías mínimas e máximas establecidas para este ano son as seguintes:
Contía mínima prestación contributiva | Euros |
Sen fillos/as | 501,98 € |
1 fillo/a ou máis | 671,40 € |
Contía máxima prestación contributiva | Euros |
Sen fillos/as | 1.098,09 € |
1 fillo/a | 1.254,96 € |
2 fillos/as ou máis | 1.411,83 € |
En todo caso, o traballador manterá a súa base de cotización durante o tempo en que estea percibindo a prestación por desemprego.
No Comments