TESTAMENTO VITAL. A PLANIFICACIÓN ANTICIPADA NO TRAMO FINAL DA VIDA.

03 May TESTAMENTO VITAL. A PLANIFICACIÓN ANTICIPADA NO TRAMO FINAL DA VIDA.

Sen dúbida que é importante deixar previsto o destino dos bens e do patrimonio para o caso de falecemento, pero tanto ou máis importante é o feito de deixar planificado por anticipado o final da vida e a propia morte, iso si, dentro da marxe de liberdade que temos sobre a mesma.

Na actualidade a nosa lexislación regula o modo de plasmar a nosa vontade e desexo acerca dos coidados, tratamentos e atencións médicas que queremos (ou non) recibir antes de falecer ou, unha vez acontecido isto, o que desexamos que se faga cos nosos órganos e restos. É o documento de instrucións previas ou documento de vontades anticipadas, máis comunmente coñecido como “testamento vital”.

Este documento pode ser outorgado por calquera persoa maior de idade, que non se atope incapacitada e que actúe libremente. Tamén poderá ser subscrito por menores de idade, sempre e cando sexan maiores de 14 anos e se realice coa supervisión dos seus pais ou titores.

En canto á forma de realizar estas instrucións previas, permítense tres posibilidades:

▪ ante notario,

▪ ante tres testemuñas,

▪ ante persoal específico da Administración (nos Servizos de Saúde autonómicos).

Pero o esencial para que o devandito documento produza os seus efectos chegado o caso, é que se atope inscrito no Rexistro de Vontades Anticipadas a fin de que sexa incorporado ó noso historial clínico. A tal efecto cada comunidade autónoma conta co seu propio rexistro, cada un dos cales se atopa conectado ó Rexistro Nacional.

A este documento unicamente poderá acceder o persoal médico e os familiares cando o doente sexa incapaz de expresar a súa vontade e os seus propios desexos. A existencia deste documento axuda na toma de decisións ante determinadas situacións clínicas, evita o abanico de interpretacións que poden chegar a darse e fai valer a posición de quen o subscribe.

É recomendable que á hora de outorgar estas instrucións previas se inclúa o nomeamento dun representante que sirva de interlocutor co equipo sanitario a fin de velar polo cumprimento do estipulado.

E loxicamente este documento poderá ser revocado ou substituído en calquera momento e no mesmo modo no que foi outorgado.

 

 

No Comments

Post A Comment

Centro de preferencias de privacidad

Cookies imprescindibles

Se usan para almacenar tus preferencias de privacidad.

gdpr

Cookies de terceros

Usamos cookies de terceros en las que se almacenan externamente para conocer tus usos de navegación.

_ga, _gat, _gid
_ga, _gat, _gid